Rouban datos de usuarios dos sistemas en liña de Ubisoft

martes, 2 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O editor de videoxogos Ubisoft descubriu unha intrusión nos seus sistemas en liña na que conseguiu accederse á súa base de datos de contas de usuario, extraendo nomes, enderezos de correo electrónico e contrasinais encriptados (sen perigar a información de pagamento), polo que recomendan aos seus usuarios que muden de contrasinal, tanto na plataforma en liña de Ubisoft como noutras contas que teñan noutras páxinas web e servizos que figuren con mesmo enderezo de e-mail e nos que poidan ter o mesmo contrasinal (ou outro moi semellante).
Dende Ubisoft detallan que só os nomes dos usuarios, o enderezo de e-mail e o contrasinal encriptado foron subtraídos dos seus sistemas, quedando totalmente libres da intrusión outros datos como enderezo postal, número de teléfono ou número de tarxeta bancaria. En vista de tal información, os usuarios dos servizos de Ubisoft poderían verse afectados principalmente por ameazas que tiveran que ver principalmente co seu enderezo de e-mail (o que pode ser un ángulo de ataque para suplantacións de identidade).

PUBLICIDADE