Retiran as ligazóns para descargar a aplicación Popcorn Time

mércores, 12 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Parece que a aplicación arxentina Popcorn Time, que permitía a reprodución de películas en alta definición con subtítulos achegadas da rede BitTorrent sen precisar da descarga completa dos filmes parece ter creado certo malestar, por estar a gañar sona como unha alternativa de balde ás plataformas de streaming leais, e como consecuencia temos que as ligazóns para a descarga da aplicación desapareceron de MEGA (servizo onde decidiron hospedar o software) posiblemente por mor dunha denuncia presentada pola MPAA (entidade norteamericana que defende os intereses da industria cinematográfica) que podería pór en perigo este proxecto.
Os responsables de Popcorn Time recomendan agardar a que publiquen novas fontes de descarga, advertindo que descargar o seu software dende ligazóns non oficiais pode ser perigoso (pode aparecer malware que aproveite os momentos de seca para infectar a numerosos usuarios confiados).
De todos os xeitos, estamos ante unha aplicación de código aberto, polo que tomar medidas legais contra os seus responsables non pareza que vaia ter ningún tipo de efecto real, xa que a aplicación pode renacer cantas veces queira por todo o mundo, e o sistema está debidamente automatizado, de xeito que os actuais desenvolvedores da aplicación non teñen ningunha relación coa distribución dos contidos a través de BitTorrent, senón que limítanse a ofrecer un método moi sinxelo e atractivo de acceder aos mesmos.
A aplicación está actualmente dispoñible en versión de proba para Windows, OS X e Linux, e de conseguir incrementar a súa popularidade ata podería dar o salto a reprodutores domésticos e dispositivos móbiles, detalle que si podería estar a incitar ás entidades de xestión de dereitos de autor a actuar antes de que este proxecto medre demasiado.

PUBLICIDADE