Resident Evil 5 chegará a PS4 e Xbox One o 28 de xuño
xoves, 2 de xuño do 2016
Para celebrar os 20 anos da franquía Resident Evil, dende
Capcom están a adaptar
as súas distintas entregas a consolas de nova xeración, estando actualmente
a experimentar unha especie de conta atrás para chegar a Resident Evil 4, o xogo que renovou a saga converténdoa nun xogo
máis de acción que de supervivencia. Este carismático e polémico xogo non
chegará até o outono, e mentres xa puidemos ver como Resident
Evil 6 chegaba a PlayStation 4 e
Xbox
One o pasado 29 de marzo, e agora xa temos data para Resident Evil 5, xa dispoñible
en reserva para Xbox One, e que o
vindeiro día 28 poderá descargarse nas últimas consolas para así poder
revivir o xogo con todos os seus contidos.
Estas remasterizacións chegan a un
prezo de só 19,95 euros, e no caso de Resident
Evil 5 inclúe os modos de un xogador e cooperativo, así como todos os
contidos descargables que saíron tras o seu lanzamento (as expansións Lost Nightmares e Desperate Escape, o modo Versus, as figuras extras e 4 traxes) e o
modo No Mercy (anteriormente exclusivo de PC). Tamén engade o novo modo Mercenarios unidos.
Aínda que son moitos os críticos coas últimas tres entregas da saga, Resident Evil 5 pode considerarse como a
que tivo unha mellor acollida (xa que Resident
Evil 6 foi considerada unanimemente como un desastre), e se deixamos de
lado as ridículas acusacións de racismo (polo feito de que os infectados en África fosen negros) e o
feito de que prescinda do horror para centrarse na acción, temos un xogo que
introduciu o multi-xogador na saga e conseguiu achegar moitas horas de
diversión aos seus compradores, polo que o feito de poder gozar dunha versión remasterizada a un prezo bastante
reducido é unha magnífica nova.
- No seu día Resident Evil 5 recibiu inxustas acusacións de racismo, cando a localización da trama implica que os infectados sexan negros