Reeder volve a iOS tras o peche de Google Reader

xoves, 12 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O popular lector de fluxos RSS Reeder de Silvio Rizzi era un dos clientes de Google Reader máis popular para iPhone e iPad, que pasou a ser de balde tras o anuncio do peche do servizo de Google, para deixar de funcionar no mes de xullo, e agora volve renovado como Reeder 2, unha nova ferramenta que estréase na App Store como aplicación universal a un prezo de 4,49 euros, ofrecendo a sincronización de novas cos servizos de Feedbin, Feedly, Feed Wrangler, Fever e Readability, permitindo tamén a lectura de RSS en local, e facilitando tamén compartir novas con moitos outros servizos en liña (Buffer, Pocket, Delicious, Facebook, Twitter, App.net...) herdando así as funcionalidades do Reeder orixinal pese á ausencia de Google Reader.
Con Reeder 2 temos tamén unha nova interface de uso, abandonándose o vello formato de navegación por categorías a través de iconas para adoptar unha aparencia máis limpa e áxil, e conservando os xestos que facilita a navegación polos contidos, a marca de artigos como lidos/sen ler ou como favoritos ou a actualización de contidos. Volvemos ter aquí unha excelente solución para quen precise de acceder dende dispositivos móbiles a servizos como Feedly, e que non guste das súas aplicacións móbiles oficiais.

Captura de pantalla de Reeder 2 nun iPad

PUBLICIDADE