Reclámanlle á Xunta o seu apoio para desenvolver o fogar dixital en Galicia

mércores, 14 de xullo do 2010 Raquel Noya

Os presidentes da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) e do Consello Territorial de ASIMELEC Galicia, José María López Bourio e José Ramón García respectivamente, veñen de reunirse coa secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, para facerlle chegar unha serie de propostas sobre o fogar dixital que ambas entidades consideran “necesarias” para potenciar o sector das TIC no noso país.
Trátase dun documento que contén unha serie de pautas a seguir para, coa axuda da Xunta de Galicia, “potenciar este importante sector en pleno crecemento de usuarios e no que o noso país conta con importantes empresas que desenvolven produtos, contidos e aplicacións”.
O fogar dixital defínese como o lugar onde as necesidades da familia, en materia de seguridade e control, comunicacións, ocio, confort, integración medioambiental e accesibilidade, son atendidas mediante a converxencia de servizos, infraestruturas e equipamentos; en definitiva un lugar de servizos, “integrado e accesible”.
É por isto que AGESTIC e ASIMELEC Galicia entenden o fogar dixital para o usuario como “un lugar de servizos que conta con acceso á solución dos problemas diarios a través do uso das TIC”, así como un “fogar seguro tanto respecto aos perigos habituais do fogar (auga, electricidade, gas…) como respecto á intrusión de persoas alleas”.
Asemade, para os responsables das devanditas entidades, o fogar dixital tamén é “un fogar controlado e comunicado”, no sentido de que permite coñecer o que sucede tanto no exterior como no interior en tempo real, exercendo control sobre os diferentes sistemas de iluminación, teleasistencia ou calquera outra instalación básica.
Xa que logo, a mensaxe que estas entidades lle transmiten á SXMIT coa súa proposta é que “a nova vivenda non é pensable se non ofrece novas capacidades en materia de aforro energético, seguridade e teleasistencia, confort, entretemento e accesibilidade”.
Partindo desta premisa, ASIMELEC E AGESTIC propoñen:
- Crear un Centro demostrador tecnolóxico permanente do fogar dixital en Galicia, aberto a todos os produtos, servizos e tecnoloxías propios destes fogares e onde conflúen diferentes axentes, empresas, público e tecnoloxía.
- Crear un Observatorio do fogar dixital en Galicia que realice informes periódicos de vixilancia tecnolóxica do sector.
- Crear un Máster do Fogar Dixital así como cursos formativos a outros niveis non universitarios.
- Realizar tarefas de divulgación e difusión dirixidas á cidadanía sobre o concepto de FD e os seus beneficios.
- Crear un galadón para premiar ás mellores instalacións domóticas ou do FD, a fin de fomentar o desenvolvemento e uso desta tecnoloxía, etc.
Asemade, no documento entregado á SXMIT propoñen a convocatoria dunha serie de axudas que van dende axudas económicas para a instalación deste tipo de servizos ata axudas á creación de empresas tecnolóxicas, pasando por subvencións e becas de formación neste tipo de proxectos.
Estas propostas, que a xuízo dos seus precursores “favorecerán o desenvolvemento dun importante sector empresarial en Galicia e a calidade de vida da cidadanía”, serán examinadas agora polo Goberno galego, a fin de desenvolver ou desbotar as que consideren viables.

PUBLICIDADE