OpenAI responde á cínica denuncia de Elon Musk

mércores, 6 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Imaxe dunha vella conversa entre Sam Altman (OpenAI) e Elon Musk (Tesla)

A denuncia presentada por Elon Musk contra OpenAI acusando á empresa detrás de ChatGPT de traizoar a súa misión inicial vén de recibir resposta por parte dos máximos responsables de OpenAI nunha declaración pública na que deixan clara a demagoxia de Musk, que estaría a denuncia a OpenAI por accións ante as que el mesmo declarou estar de acordo cando colaboraba coa compañía.
Dende OpenAI deixan claro que ao comezar o seu proxecto pretendía captar un cento de millóns de euros para botar a andar, ao que Elon Musk reaccionou instando a elevar o obxectivo de financiamento até os 1.000 millóns de dólares, e comprometéndose a cubrir a cantidade que non puidesen captar até chegar a tal cantidade, promesa que claramente non cumpriu, pois as súas achegas non chegaron aos 45 millóns de dólares (mentres que outros investidores achegaron máis de 90 millóns de dólares).
Segundo avanzou o proxecto todos (Elon incluído) coincidiron en que era imposible manterse como unha entidade sen ánimo de lucro para captar fondos dabondo para poder conseguir os recursos que posibilitasen cubrir as súas necesidades de computación e así poder competir con xigantes como Google co seu proxecto DeepMind, pero os desacordos con Musk chegaron nese momento xa que o multimillonario pretendía que os cartos chegasen de Tesla, absorbendo OpenAI e facéndose el co control da compañía.
Tamén destacan que o feito de non facer públicos todos os seus avances non responde ao seu ánimo de lucro, senón que chegaron a tal acordo ante as posibilidades de que a tecnoloxía puidese empregarse de xeito malicioso segundo se fosen achegando a unha futura intelixencia artificial xeral, razoamento tamén compartido con Musk.
Temos así que non só a denuncia de Musk tería pouca base legal (pois as declaracións fundacionais de OpenAI non teñen valor contractual), senón que sería totalmente cínica, xa que o propio Musk estaría involucrado na toma de decisións e dende OpenAI conservan os correos electrónicos que demostran tal (publicando un extracto dos mesmos para que o público poida comprobalo directamente).

PUBLICIDADE