Elon Musk denuncia a OpenAI por traizoar a súa misión

venres, 1 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Aínda que Elon Musk leva moito tempo desvinculado de OpenAI, semella ter moito rancor gardado contra os responsables da compañía considerada líder en intelixencia artificial a nivel mundial, e non conforme con lanzar proxectos para competir con eles e de tentar convencer ao mundo de que Tesla é unha empresa de robótica e IA (cando claramente non é así) sorprende presentando unha denuncia contra os fundadores da empresa, Sam Altman e Greg Brockman, e varias das sociedades de OpenAI, argumentando que OpenAI incumpriu os seus compromisos fundacionais ao conseguir beneficios en vez de desenvolver de xeito altruísta unha IA que beneficie á humanidade.
A denuncia sostén que OpenAI mudou dun modelo sen ánimo de lucro a unha finalidade comercial tras chegar a un acordo con Microsoft, deixando de ofrecer as súas investigacións ao mundo, o que considera «unha grande traizón» aos compromisos fundacionais e unha perversión da misión de OpenAI.
No documento tamén se inclúen argumentos sobre os perigos dunha intelixencia artificial xeral, ou sexa, numerosas elucubracións que dificilmente teñen algún encaixa legal, como acontece coa carta de principios de OpenAI, que non ten categoría de contrato, polo que a denuncia de Musk parece carecer de calquera base legal.

PUBLICIDADE