R suspende en atención ao cliente e asistencia técnica segundo un estudo de ADECES

martes, 22 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Tras unha longa traxectoria cunha boa percepción por parte do público, un estudo da Asociación Pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) sobre a atención ao cliente e a asistencia técnica dos operadores de telecomunicacións avala un suspenso por parte de R, compañía que iría na liña do resto de operadoras, que de xeito xeral estarían a acusar unha caída na calidade da atención ao cliente, que no caso de compañías como Orange e Jazztel sería especialmente acusada, chegando a unhas notas cualificada spor ADECES como “extremadamente baixas”.

R quedaría por debaixo da media en valoración global de atención ao cliente

Na valoración global da atención ao cliente o VIII Estudo de Atención ao Cliente dos Operadores de Telecomunicacións outorga unha puntuación de 6,13 sobre 10 a Movistar, operador que confirma o liderado neste aspecto, seguido por Ono (5,40), Telecable (5,38) e Euskaltel (5,14), mentres suspenden Vodafone (4,97), R (4,96), Jazztel (4,36) e Orange (4,05).
Se entramos na valoración do Servizo de Atención Técnica (SAT) sorprenden as baixísimas notas de Orange (3,60) e Jazztel (3,94), volvendo a suspender R (4,94), mentres que Movistar e Ono volven ser as compañías con mellores puntuación (6,57 e 5,51 respectivamente). Un detalle a salientar é que Movistar é o único dos operadores analizados que envía un técnico a domicilio no 100% das incidencias pendentes, en contraste co ridículo 12,5% de Orange.

De forma xeral as compañías dan unha mala información sobre os compromisos de permanencia e as penalizacións

O Servizo de Atención Comercial (SAC) suspende na media dos operadores, volvendo a ser Movistar e Ono os que se salvan da queima cunhas puntuacións de 5,63 e 5,03 respectivamente, mentres que R sería a peor das oito compañías avaliadas cun 4,03. Neste aspecto sorprende ver como os peores operadores son Orange e R, que fan esperar aos seus clientes ao teléfono máis de 200 segundos, cando a media está en 60 segundos.
R tamén queda en mala situación con só un 49% de teleoperadores que se identifican completamente (mentres que os de Movistar e Telecable superan o 70%); e tamén alarma ver que sobre a información sobre o compromiso de permanencia a media caería até o 49%, pero no caso de R sería un ridículo 4% (moi lonxe do seguinte operador, Orange, co 24%). Cómpre destacar que a información sobre penalizacións tamén é moi deficiente, cun tímido 54% de casos nos que informa Movistar, mentres que o resto non chegan nin a metade dos casos e, Vodafone, Telecable, Euskaltel e R non informarían nin unha soa vez segundo denuncia ADECES apoiándose en datos dun total de 1.332 chamadas.

R sería o operador co peor SAC de todos os analizados

PUBLICIDADE