R pecha 2013 cun importante incremento de clientes

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións R vén de realizar un balance das súas actividades durante 2013, exercicio no que a compañía con sede na Coruña tivo que sacrificar ingresos reducindo os seus prezos, co que conseguiu incrementar a súa base de clientes, captando 101.350 clientes de móbil e 34.800 de servizos fixos, pechando cun total de 325.800 clientes residenciais e de empresa.
A compañía conseguiu liderar as portabilidades móbiles en Galicia durante 2013, incrementou en 102.230 o número de servizos contratados (chegando aos 927.230), conseguiu chegar aos 7.000 puntos de acceso Wi-Fi de balde para os seus clientes (espallados por toda Galicia), levou a súa banda larga ata os 200 Mbps, estreou o servizo de televisión en alta definición.
Para poder chegar a preto de 910.000 vivendas e negocios de 98 concellos galegos dende R realizaron un investimento de máis de 937 millóns de euros, ao que a Xunta de Galicia a través da AMTEGA contribuíu con 36 millóns de euros dentro do Plan de Banda Larga que busca levar conexións de alta velocidade á Internet a núcleos de poboación que tiñan a súa demanda desatendida, en boa medida por presentar dificultades orográficas. Na actualidade a totalidade dos 193 núcleos de poboación programados para R dentro do devandito Plan gozan xa de conexións á Rede de nova xeración (NGA), de xeito que teñen conexións de 100 ou 200 Mbps de descarga (e 10 Mbps de subida) cun caudal garantido do 80%.

PUBLICIDADE