R lanza unha tarifa mini de telefonía móbil

martes, 22 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O operador galego de cable R quere potenciar o seu negocio de telefonía móbil estreando a tarifa mini, que anúnciase como «a tarifa móbil máis barata de toda España», cobrando 6 céntimos/minuto nas chamadas de voz e 9 céntimos por cada mensaxe de texto.
Esta nova tarifa aplícase a chamadas a teléfonos de calquera operador realizadas a calquera hora, e ao prezo por minuto hai que engadir 15 céntimos de establecemento de chamada e un consumo mínimo mensual de 6 euros.
Estes prezos non incluirían o IVE, sendo estas tarifas compatibles cos módulos de aforro R con R e favoritos.
De todos os xeitos, hai que indicar que ao contratar esta tarifa é preciso contar cun terminal de telefonía móbil libre, posto que R non aplica subvencións aos clientes que opten por esta modalidade de contratación, o que resta bastante atractivo a esta oferta, xa que hai operadores móbiles virtuais cuns prezos semellantes que ofertan mellores condicións (coma non contar con consumo mínimo).

PUBLICIDADE