R comeza a cobrar os excesos de datos dende o móbil

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

As condicións do servizo de R continúan a mudar, e á espera de que a súa rede de telefonía móbil pase de Vodafone a Orange (migración que está previsto que se inicie este verán, para completarse ao rematar o ano), un novo detalle causa certo malestar, como tamén aconteceu con outros operadores nos últimos meses: a compañía pasa a cobrar o exceso de datos no móbil agás que se indique o contrario.
Na propia páxina web da compañía, nos apartados correspondentes ás tarifas, inclúen agora alertas nas que indican que “unha vez alcanzado o límite do plan de datos, engadiranse automaticamente bonos de 200 MB por un importe de 2 euros (IVE incl.) cada bono (ata un máximo de 5). Superados os 5 bonos reducirase a velocidade), ou sexa, que os usuarios que non contacten coa compañía para mudar a configuración da súa liña poderían chegar a pagar un sobrecusto mensual de até 10 euros, aínda que moitos usuarios estarán conformes con esta modificación das condicións, xa que a redución de velocidade a 64 Kbps pode resultar demasiado drástica para a meirande dos usos que actualmente se fan cos smartphones, de xeito que incluso considerarán cómoda a aplicación automática de bonos para manter a velocidade.
ACTUALIZACIÓN (22-6-2016): R publica na súa páxina web unha completa explicación da nova política de renovación automática de bonos de datos móbiles vendéndoa como unha facilidade para os seus clientes.

PUBLICIDADE