Publican unha demo de LEGO Indiana Jones

mércores, 14 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os videoxogos baseados en películas presentando gráficos inspirados en bonecos de LEGO teñen bastantes seguidores, que estarán moi contentos de saber que antes de que chegue aos cines Indiana Jones y el reino de la calavera de cristal poderán botar unhas partidas a LEGO Indiana Jones, pois xa se pode descargar unha versión demo do xogo para PC.
O ficheiro co xogo ocupa 465 Mbytes e permite facernos unha primeira idea do que será este interesante título que funcionará na meirande parte dos ordenadores actuais, precisando dun equipo compatible con DirectX 9.0c, cun procesador Intel P3 a 1 GHz ou AMD Athlon XP coma mínimo e 256 Mb de RAM baixo Windows XP ou 512 Mb en Windows Vista.
Este adianto queda limitado para os usuarios de Windows, mentres que para Xbox 360, PS2, PS3, PSP, Nintendo DS e Wii haberá que agardar á primeira semana de xuño para poder adquirir o xogo nas tendas.

PUBLICIDADE