Publican un novo xeito de liberar o iPhone

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A liberación de móbiles iPhone para o seu uso por parte de calquera operadora de telefonía así como dende fóra dos EE.UU. está a supor un reto para moitos entusiastas que xa desenvolveron unha técnica de modificación de tarxetas SIM para enganar ó móbil de Apple, pero agora aparece un método baseado en JTAG que consiste nun desbloqueo real do terminal mediante a súa reprogramación.
O sistema explicado resulta moi complexo e precisa de habilidade no manexo do soldador, xa que consisten en abrir a parte traseira do iPhone para conectarlle uns cables na súa circuitería para reprogramar a memoria do trebello para que non bloquee o operador de telefonía, de xeito que funciona con calquera tarxeta SIM sen manipular, e non só coas de AT&T, o que abre a comercialización indiscriminada do teléfono de Apple.
O propio iPhone do que se publicou o proceso de desbloqueo nun blog está actualmente á venda en eBay, totalmente liberado, aínda que a un prezo realmente prohibitivo (comezou en 540 dólares e xa superou os 1.500).

PUBLICIDADE