Publican a relación de finalistas dos premios BAFTA dos videoxogos

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Dara O’Briain volverá a presentar a gala de entrega dos premios este ano

O vindeiro 5 de marzo os British Academy Games Awards (tamén coñecidos como os BAFTA dos videoxogos) entregaranse nunha gala no London Hilton presentada por quinto ano consecutivo polo humorista e xogador Dara O’Briain, dándose hoxe a coñecer a listaxe de nomeados entre os que destacan especialmente os xogos Journey (con 8 candidaturas), The Walking Dead (con 7), Far Cry 3 (6), Dear Esther (5) e Halo 4, Borderlands 2, Assassin’s Creed III e The Room (4).
Este ano aspiran ás 17 categorías dos premios británicos un total de 53 xogos editados nos últimos 12 meses, que demostran o nivel de creatividade que hai nos equipos de desenvolvemento de Reino Unido e do resto do mundo. Optan ao título de Mellor Xogo Far Cry 3, FIFA 13, Journey, Mass Effect 3, Dishonored e The Walking Dead, todos xogos de grande aceptación tanto do público como da crítica, mentres que se nos limitamos aos títulos británicos teríamos como aspirantes a Need for Speed: Most Wanted, The Room, LEGO: Lord of the Rings, Forza Horizon, Dear Esther e Super Hexagon. Tamén podemos subliñar o feito de que entre o Mellor Xogo de Debut figura Deadlight do estudo madrileño Tequila Works.

PUBLICIDADE