Publicada unha guía para facilitar o afianzamento da eAdministración nas entidades locais

venres, 26 de agosto do 2016 Redacción

A Dirección Tecnolóxica da Información e as Comunicacións (DTIC) vén de publicar a Guía Dixitalíza-T, unha completa folla de ruta para facilitar ás entidades locais o cumprimento das obrigas dixitais das Leis 39 e 40/2015 e o das ferramentas tecnolóxicas da DTIC e o Centro de Transferencia de Tecnoloxía. Segundo lembra o portal Mancomún, esta lei “supón un forte impulso á dixitalización das Administracións públicas españolas que establece varias obrigas en torno á Administración Electrónica que propician unha maior eficacia, innovación e modernización”. Dito doutra maneira: trátase dunha guía para axudar e optimizar o afianzamento dos novos recursos TIC nos nosos concellos. Un afianzamento, por outra banda, que é obrigatorio.
O documento ten dous obxectivos principais. Por unha banda amosa e detalla as novidades en materia dixital das Leis 39 e 40 e a transformación que supoñen, tanto no procedemento administrativo como nas relacións interadministrativas e coa cidadanía a través da tecnoloxía. Por outro lado, pon a disposición das entidades locais un catálogo de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que lles permite cumprir de forma sinxela coas súas obrigas legais, ademais de garantir un servizo orientado á cidadanía e rexido polos principios da eficacia, eficiencia, transparencia e boa xestión pública. A guía estrutúrase co seguinte contido:
· As novas obrigas introducidas polas leis.
· As ferramentas que a Administración Xeral do Estado (AGE) pon a disposición das Entidades Locais para facer fronte a esas novas obrigas e como obtelas.
· Outros aspectos a contemplar na organización para adaptarse ás novas obrigas.
· O marco temporal que a lei establece para levar a cabo a transformación dixital.
Sobre o Centro de Transferencia de Tecnoloxía
O Centro de Transferencia de Tecnoloxía (CTT), do cal se inclúe a Forxa de Mancomún como servizo federado, é un portal que publica o directorio xeral de aplicacións e solucións cuxo obxectivo é favorecer a reutilización de ferramentas por todas as Administracións Públicas. Este portal informa de proxectos, servizos, activos semánticos, normativa e solucións nos que se traballa en materia de Administración Electrónica.

PUBLICIDADE