Prosperan as subvencións de ultraportátiles de baixo custo por parte de operadoras de telefonía móbil

venres, 9 de maio do 2008 Marcus Fernández

Tras deixar pasar en 2007 a febre do iPhone, as operadoras de telefonía móbil non parecen querer repetir a experiencia cos ultraportátiles de baixo custo, e mentres que o Kira 100 de Airis se pode adquirir en España por 99 euros contratando 12 meses do Dúo de Telefónica ou 24 meses de 3G Orange 1Gb, o Asus Eee PC tamén estrea promocións semellantes no Reino Unido, onde T-Mobile ofrece o atractivo portátil por entre 0 e 174,99 libras esterlinas (uns 221 euros).
Para que o Eee PC 700 (que inclúe un modem 3G USB) saía de balde os cliente debería contratar unha tarifa de banda larga móbil de 44 libras/mes (55,59 euros) durante 18 meses ou 35 libras/mes (44,21 euros) por 24 meses.
En España, en cambio, haberá que agardar ata o 26 de maio para poder mercar o Eee PC 700 por 299 euros con Linux ou por 329 euros con Windows XP, descoñecéndose se algunha operadora se lanzará a promocionar este equipo con algunha conexión de banda larga móbil.

PUBLICIDADE