Prohiben un anuncio dun xogo de Wii no que aparecían imaxes da súa versión para Xbox 360

xoves, 18 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Os gráficos do xogo de Tiger Woods para Wii son realmente lamentables

A Advertising Standards Authority (ASA) amoestou a Electronic Arts por un anuncio televisivo do xogo Tiger Woods PGA Tour 09 para Wii, no que se vía ao coñecido golfista co mando da Wii tralo que se presentaban imaxes da versión para Xbox 360 do coñecido xogo, o que claramente levaba a engano (por mesturar as bondades de dúas versións diferentes dun único xogo, que claramente non se poden achegar nunha única entrega).
Segundo parece, a axencia que elaborou o polémico anuncio decidiu empregar vídeos da versión de Xbox 360 pola súa alta definición xa que na Wii o xogo non tiña uns gráficos cunha calidade suficiente para a súa emisión por televisión, o que tamén está a evidenciar o pouco esforzo que algunhas compañías dedican aos seus proxectos para a consola de Nintendo, que pese a ser a máis vendida continúa a amosar un nivel gráfico semellante ao da vella GameCube, quedando incluso por debaixo da PS2.
Dende EA sosteñen que o anuncio en cuestión non se refire a unha versión en concreto do xogo, aínda que se fagan constantes alusións á marca Nintendo e ao mando da Wii, pero dende a ASA non estiman que sexa suficiente con que no spot se indique ao final que o xogo está dispoñible para distintas plataformas, de aí que prohiban a reemisión do anuncio na súa forma actual.

PUBLICIDADE