Prohiben a Uber ter actividade en todo o territorio estatal alemán

martes, 2 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

A plataforma de Google para o transporte compartido, Uber, segue a gañar adeptos e inimigos a partes iguais alí onde se estende. O servizo, unha aplicación móbil que pon en contacto a usuarios que buscan fórmulas de consumo colaborativo e unha maneira máis económica de desprazarse, ten provocado moitas alegrías entre amplos colectivos que buscan xeitos de aforrar custes en transporte ao tempo que un menor impacto medio ambiental, e moito malestar entre profesionais como os taxistas, que ven na plataforma un “claro inimigo ao seu negocio”. Por exemplo os taxistas de Barcelona, unha das cidades estatais onde máis adeptos hai de Uber. Semellante rexeitamento atopámolo estes días na cidade xermana de Frankfurt, extensíbel a todo o país.
Extensíbel ademais literalmente, porque a Audiencia provincial de Frankfurt vén de ditar unha resolución provisional mediante a que prohibe a Uber ter actividade en todo o territorio estatal. O auto dado a coñecer este luns primeiro de setembro, ponse do lado do colectivo de taxistas, que demandou á compañía de Google por competencia ilegal. Ademais, dun xeito máis específico, fixa que a ferramenta Uberpop “non pode conectar viaxeiros sen dispor da licenza que esixe a le do país en materia de transporte de persoas”.
Lembrar que Uber está a experimentar en Europa un crecemento ben destacábel, motivado non só por un fortalecemento da conciencia medio ambiental dos cidadáns en materia de transporte (trátase de poñérmonos en contacto uns cos outros para ocupar os tradicionais asentos baleiros) senón tamén (e sobre todo) pola escalada de prezos do combustíbel e polo tanto dos prezos do transporte. Os responsábeis de Uber sinalaron recentemente que xa foron quen de multiplicar por un número elevado a súa cifra de clientes, engadindo (por exemplo) que o número de inscricións do seu servizo en Londres fora quen de incrementarse a segunda semana de xuño nun 850 por cento, en comparación coa primeira semana. En palabras de Uber, está claro que a xente quere servizos novos e innovadores, servizos que unan as vantaxes de convocatoria e colaboración das redes actuais coas tendencias que se impoñen de transporte sustentábel e eficiente.
Porén, esta mensaxe segue a chocar de fronte contra os intereses dos colectivos de traslado de viaxeiros. Froito disto é a resolución da audiencia de Frankfurt, que condena á empresa a pagar 250.000 euros e mesmo se deixa a porta aberta para a detención dos responsábeis do servizo, que por certo xa fixeron saber que recorrerán o auto. Os taxistas alemáns denuncian que a plataforma obteña cartos “sen investir e sen asumir responsabilidade algunha, xa que os condutores están supervisados nin asegurados, co que non contan con ningún tipo de protección”, fixeron saber.

PUBLICIDADE