Presentan unha aplicación móbil para fomentar a práctica do sendeirismo en Galicia

luns, 3 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, acompañada da directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, e do presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puig presentaron a nova aplicación sobre os sendeiros de Galicia. // Fotografía de Conchi Paz

A finais do ano pasado demos conta da aplicación para iOS chamada Sendegal, que servía de guía móbil de sendeiros oficialmente homologados de Galicia e que agora, aparte de estar dispoñible para iPhone, pode descargarse para Android, de aí que esta mañá decidisen dala a coñecer oficialmente nun acto no que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a director-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, e o presidente da Federación Galega de Montañismo, Aldolfo Puig, comentaron as bondades desta ferramenta para smartphones que promociona o sendeirismo na nosa terra.
A aplicación quere achegar aos interesados na práctica do sendeirismo información sobre as rutas que poden percorrerse por toda a nosa xeografía, aproveitando que “a natureza é a primeira motivación pola que os turistas nos elixen como destino”, segundo a directora de Turismo. A ferramenta está dispoñible en galego, español e inglés e inclúe os planos (descargables) de cada un dos sendeiros homologados de Galicia, aproveita o GPS para amosar a nosa posición nos mesmos e inclúe fotografías e outras informacións interesantes sobre cada ruta (lonxitude, tempo estimado en percorrela, nivel de dificultade e cartografía).

PUBLICIDADE