Preparan un karaoke para PC con música galega

mércores, 1 de decembro do 2010 Marcus Fernández

O Galeoke presentouse oficialmente na pasada edición do Culturgal

Os xogos coma Lips e SingStar popularizaron o karaoke nos fogares a través das consolas de videoxogos, o que levou á creación dunha aplicación de código aberto para PC chamada UltraStar Deluxe que pretende democratizar este tipo de lecer (levando a experiencia a máis dispositivos e permitindo ampliar o catálogo de cancións dispoñibles), esforzo que aproveitan agora para crear o Galeoke, un xogo de karaoke para PC no que podemos acumular puntos emulando aos nosos artistas galegos favoritos, podendo xogar en modo individual ou competindo cos amigos nun modo festa.
O Galeoke busca encher un oco no mercado, xa que nas tendas de descargas musicais das consolas de videoxogos a música galega é unha total ausente, e grazas a esta iniciativa poderemos facernos cun título que busca dar vida á música que levas dentro, comezando por un primeiro volume con cancións orixinais de Os Resentidos, Fuxan os Ventos, Malvela, Lamatumbá e Marful entre outros que sairá á venda o 21 de decembro nas tendas de discos galegas e a través de Toupa.net.
Este xogo é compatible con Windows XP/Vista/7, Mac OS X e Linux, partindo de configuracións bastante básicas, sendo a súa principal esixencia o contar cun micrófono para poder pór voz ao catálogo musical do Galeoke.


Durante o Culturgal 2010 puido probarse o primeiro volume do Galeoke

Na cuberta do xogo podemos ver a listaxe completa de cancións que incorpora o Galeoke no seu primeiro volume
Un dos públicos obxectivos do Galeoke son os cativos

PUBLICIDADE