Posibles retrasos do Adam de Notion Ink

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Nos últimos días, no marco do Computex, PixelQi amosou as súas revolucionarias pantallas híbridas que permitirán que os ordenadores portátiles e tablets poidan empregarse tanto en interiores coma en exteriores, e que terían que estrearse nun agardado tablet chamado Adam e fabricado por Notion Ink, e que está a converterse nun dos produtos máis demorados dos últimos meses, pois agardábase o seu lanzamento para este mes de xuño, o que finalmente non será posible, ao parecer (entre outras cousas), por problemas no abastecemento de procesadores nVIDIA Tegra 2, que permitirán que o Adam sexa capaz de correr vídeo en alta definición a 1.080p, así coma un rendemento gráfico máis que aceptable para un dispositivo móbil que pretende converterse no principal rival para o iPad de Apple.
Nas últimas horas apareceron rumores de que o Adam adiaríase ata o mes de novembro, o que podería condenar ao fracaso o trebello, o que finalmente matizouse que iso sería o lanzamento do trebello «nuns poucos países» e non de xeito xeral, de xeito que a data de lanzamento fixada para o agardado dispositivo de Notion Ink sería o terceiro trimestre do ano.
Cómpre lembrar que o Adam de Notion Ink será un tablet con pantalla panorámica de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, que tanto reproduciría vídeo en alta definición coma contidos en Flash, á vez que tería unha autonomía de ata 16 horas, pero que polo momento non é máis que un soño para os que buscan unha alternativa baseada en Android para o iPad.

PUBLICIDADE