Popcorn Time estrea aplicación para Android

xoves, 8 de maio do 2014 Marcus Fernández

O fork da popular aplicación de streaming de filmes mediante a rede de intercambio de ficheiros BitTorrent, Popcorn Time, que ten presenza na web a través do seu dominio time4popcorn.eu, continúa a mellorar a bo ritmo con incorporacións como o soporte de series de televisión, e nas últimas horas estreou unha das opcións máis agardadas polo público: a posibilidade de gozar desta solución audiovisual en Android.
Temos así a aplicación Popcorn Time en Google Play, que permítenos ver películas e series de televisión en alta definición con subtítulos en dispositivos con Android, sen ter que descargar os contidos, o que facilita o consumo audiovisual en smartphones, tablets e outros dispositivos conectados (como televisores con Android).
Aínda estamos nunha versión moi temperá da aplicación, que promete estrear actualizacións de xeito diario, para mellorar esta ferramenta e incorporar en breve o soporte de Chromecast, facendo aínda máis doado levar os contidos da Internet ao televisor.
Esta aplicación está a crear bastante rebumbio, principalmente porque inclúe un catálogo de contidos moi amplo, que aínda que non son publicados na Rede polos responsables da aplicación, fan demasiado doado o consumo de contidos audiovisuais sen adquirir os dereitos de reprodución pertinentes, polo que é de agardar que a Industria dos contidos tome medidas contra este tipo de plataformas que incluso ofrecen unha facilidade de uso maior que as solucións comerciais de pagamento.
ACTUALIZACIÓN (10-5-2014): A aplicación desapareceu de Google Play (ao parecer, sen xustificación), estando agora dispoñible para a súa descarga directa na súa páxina oficial.


Vídeo que anuncia a estrea de Popcorn Time para Android

PUBLICIDADE