PlayStation celebra a volta ao xogo con rebaixas

mércores, 29 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Dende hoxe e até o vindeiro 12 de setembro estará en vigor a campaña de promocións Vuelta al Juego, coa que Sony quere convidar a adquirir videoxogos e hardware de realidade virtual de cara ao comezo do novo curso académico, destacando estas ofertas por afectar ás edicións físicas dos xogos, polo que é unha boa promoción para os coleccionistas máis tradicionais.
Por unha banda temos o xogo de condución Gran Turismo Sport a 19,99 euros, o épico God of War a 49,99 euros e o cinematográfico Detroit: Become Human a 39,99 euros, aínda que resulte máis interesante a promoción dos PlayStation Hits, liña económica de clásicos a 19,99 euros que durante os vindeiros días poderán adquirirse a 2 por 30 euros (ou sexa, con preto dun 25% de desconto, pese a ser xogos xa cun prezo popular) e que inclúe títulos de peso como Uncharted 4, Bloodborne, The Last of Us ou inFAMOUS: Second Son.
Na Vuelta al Juego tamén está incluída a rebaixa do Starter Pack de PlayStation VR (que inclúe PS VR, VR Worlds e a PS Camera) e un xogo a elixir entre Firewall Zero Hour ou The Persistence a un prezo de 249,99 euros.

PUBLICIDADE