Piden o embargo dun videoxogo no que se recrea o asasinato do Goberno do Líbano

venres, 31 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Un videoxogo non só pode cambiar o rumbo dos acontecementos presentes e futuros, senón a mentalidade mesma dos usuarios, dende a raizame mesma da súa afouteza. Así o entende a Fiscalía Xeral da República libanesa, que vén de pedir ós tribunais o secuestro do videoxogo A Batalla de Sarai, no que se recrea un asalto con violencia á sede do Goberno do país, con asasinato do primeiro ministro e do seu equipo de goberno incluído. O produto en cuestión, que está ó alcance da man dos internautas dende o pasado mes de decembro (tempo abondo como para ter deixado pegada nos miolos dos usuarios), está segundo indica L’’Orient-Le Jour estruturado en tres capítulos: batalla contra os policías que protexen o edificio, loita contra as milicias que circulan no corredor que comunica a dita construción coa embaixada dos EE UU e procura do equipo do Goberno do primeiro ministro actualmente no cargo.
Este non é outro (no real e, neste caso concreto, tamén no virtual) que Fuad Siniora, representante dos intereses da comunidade suní e dunha parte da cristiá (e inimigo dos chiíes, que son os que en teoría asaltan o pazo presidencial).
Detrás da posta en marcha desta iniciativa está un programador con pseudónimo: “Ziad al-Hajj”, quen, polo visto, desenvolveu o seu labor dende Francia. Segundo di o dito xornal, o produto é un brincadeira de mal gusto, “xa que os asasinatos políticos non son só unha ficción, senón unha triste realidade no Líbano”. A idea da Fiscalía é comezar cantos antes a persecución do seu autor e dar a coñecer a súa verdadeira identidade.

PUBLICIDADE