Pérez Touriño anuncia cobertura total de banda larga en Galicia para finais de 2008

xoves, 22 de novembro do 2007 Raquel Noya

“Cando xa o 82 por cento da poboación galega ten posibilidade de acceso a Internet a través de banda larga”, segundo palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, “esta cifra podería incrementarse até a totalidade do territorio antes de finais de 2008”. Así o vén de anunciar o máximo mandatario galego á vez que salientou a aposta da Xunta de Galicia por xeneralizar no país o uso das novas tecnoloxías da comunicación máis avanzadas.
O acceso a Internet a través de banda larga xa é unha realidade en 23.000 das 30.000 localidades galegas, pero aínda queda moito que facer, e neste senso, Touriño comprometeuse a “seguir dedicando recursos á extensión da rede de fibra óptica por todo o territorio”, na procura de que Galiza “continúe sendo un referente de eficiencia e innovación no territorio español en materia do uso de conexións a Internet de alta velocidade”.
Asemade, no marco do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), a Xunta ten previsto investir 134,7 millóns de euros para, coa axuda da empresa galega de telecomunicacións R, “facer medrar a banda ampla nos núcleos rurais e universalizar no noso país as infraestruturas da Sociedade da Información”.

PUBLICIDADE