Pechan Pownce tras a súa venda a Six Apart

martes, 2 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Hai cousa de ano e medio un grupo de mentes inquietas en San Francisco entre os que destacaban Kevin Rose (fundador de Digg), Daniel Burka, Mike Malone e Leah Culver (a moza que conseguira renovar o seu portátil ofrecendo a súa carcasa coma soporte publicitario e que chegou a ocupar a portada da revista Technology Review co gallo dun artigo sobre a falta de modelo de negocio da Web 2.0) montaron Pownce, un servizo de microblogging alternativo a Twitter, pero que non foi capaz de acadar un éxito sostido (aínda que si xerou moito ruído), o que propiciou a súa venda a Six Apart (empresa que está detrás de Movable Type, TypePad e Vox), que decidiu pechar o servizo o vindeiro día 15, polo que os usuarios activo poderán migrar as súas contas de usuarios a Vox, o que parece unha decisión corporativa un tanto absurda se non fose porque dende Six Apart non estaban realmente a mercar Pownce, senón o seu equipo de traballo (os desenvolvedores Mike Malone e Leah Culver se integran en Six Apart, mentres que Rose e Burka quedan coma conselleiros).
A microcelebridade Leah Culver xa está instalada en Six Apart, e xa anunciou a través de Vox que está a traballar nunha ferramenta para importar todas as anotacións (con imaxes e outros contidos incluídos) de Pownce á plataforma da empresa na que traballa na actualidade. Agardemos que todos estes cambios sexan para ben, e que a morte dunha interesante ferramenta da Web 2.0 se transforme en moitas iniciativas de éxito.

PUBLICIDADE