Advirten de que as redes sociais aínda non son negocio

mércores, 6 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A revista bimestral Technology Review publicada polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, advirte na portada do seu número do verán o perigo de que as redes sociais se convertan nunha nova burbulla tecnolóxica co título The Next Bubble? Que continúa nun artigo de Bryant Urstadt titulado Social Networking is not a business no que se pretende aclarar que o éxito de público dos servizos da Web 2.0 non teñen un reflexo económico directo, pois afectan moitos factores á monetarización das distintas webs.
Urstadt destaca que servizos coma Facebook estarían valorados en 15.000 millóns de dólares cando segundo o seu fundador, Mark Zuckerberg, a empresa perderá 150 millóns de dólares no presente ano. Tamén dende Google se sentiron defraudados polo seu acordo publicitario con MySpace.
Na actualidade se estima que hai uns 10.000 servizos de redes sociais creados nos últimos 2 anos, que moven millóns de páxinas vistas cada mes, pero estas compañías aínda están a centrar a súa actividade na captación dunha grande base de usuarios, de xeito que non coidan a súa rendibilidade, estando en cuestión que realmente teñan un modelo de negocio viable. Incluso a propia publicidade nestes servizos é moi discutible, pois ao ter uns moldes gráficos ben definidos os usuarios ven na pantalla dos seus ordenadores só o que buscan, de xeito que a publicidade pasaría totalmente desapercibida.

PUBLICIDADE