Pecha con éxito unha serie de obradoiros sobre Joomla! na FNAC coruñesa

mércores, 3 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Elena Feito e Patricia Ferrol na xornada aberta celebrada no Fórum FNAC

Esta tarde tivo lugar no Fórum da FNAC en A Coruña unha xornada aberta ao público xeral na que puxeron o broche final ao Taller Web CMS Joomla!, que durante 8 sesións introduciu aos asistentes en conceptos básicos do deseño de páxinas web e á súa creación a través da plataforma de software libre Joomla!, nuns obradoiros impartidos pola profesional Patricia Ferrol.
Algúns dos asistentes aos obradoiros presentaron publicamente as súas creacións (que van dende a web dun restaurante ata o espazo virtual dunha asociación cultural), das que boa parte van rematar converténdose en páxinas web operativas na Internet, deixando constancia de que unhas poucas horas son suficientes para aprender o suficiente como para perderlle o medo á creación web.
Patricia Ferrol tamén presentou unha web piloto sobre o Fórum FNAC Coruña, que serviu para ilustrar as posibilidades que permite Joomla!, e que agardan que no futuro sexa unha web oficial e operativa que busca a participación dos usuarios.
Elena Feito, responsable de Comunicación e Programación Cultural da tenda coruñesa da FNAC tamén participou nesta xornada de peche, destacando que a demanda dos obradoiros foi moi elevada, superándose sobradamente o aforo dispoñible, polo que no futuro procurarán organizar outras iniciativas tecnolóxicas na mesma dirección.

Os obradoiros de Joomla! na FNAC gozaron de grande éxito de asistencia

PUBLICIDADE