Parabéns oficiais ás rapazas de Rois que arrasaron na pasada edición do YouTube Space Lab

mércores, 18 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Laura Calvo Gens e María Pazos Vila, as dúas rapazas do CPI dos Dices de Rois (A Coruña) que se impuxeron no certame YouTube Space Lab como campioas rexionais (por Europa), reuníronse este mércores co conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, quen lles deu os parabéns pola súa importante andaina no devandito concurso científico, onde concorreron (en representación de Europa, Oriente Medio e África) na categoría de 14-16 anos co seu experimento Surfactant in microgravity. TecnoroisDous.
Por certo que non o tiveron nada doado (trátase dun evento internacional de gran prestixio no que compiten milleiros de rapazas e rapaces de todo o mundo), pero a valía do seu proxecto quedou máis que probada ao ser seleccionado entre máis de 2.000 experimentos de 80 países e por terse imposto na final ao abeiro da devandita categoría. O recoñecemento ao seu traballo, sobre o comportamento da auga e o aceite mesturados cun surfactante (lavalouza) en situación de microgravidade, fíxoas merecedoras de viaxar a Washington para experimentar a gravidade cero.
Ao encontro deste mércores asistiron tamén o director do centro e titor das alumnas, Rodrigo Costoya, e o profesor encargado do proxecto, Javier Méndez Zunzunegui.

PUBLICIDADE