As galegas Laura Calvo e María Vilas, vencedoras rexionais do YouTube Space Lab en representación de Europa

venres, 23 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente as rapazas galegas que concorrían no certame YouTube Space Lab non obtiveron o título de campioas globais do certame, dentro da súa categoría de 14-16 anos, pero si que se impuxeron como campioas rexionais (por Europa) e deixaron claro que a nosa mocidade pide paso e que a innovación e a creatividade de primeira liña non ten por que vir sempre dos mesmos centros privilexiados do coñecemento. Laura Calvo e María Vilas, en representación de Europa, Oriente Medio e África, concorreron na dita categoría de idade co seu experimento Surfactant in microgravity. TecnoroisDous.
As rapazas, naturais de Rois (A Coruña), viaxaron os días pasados a Washington para participar na recta final do evento, dando a coñecer a súa achega tecnolóxica, para a que contaron co pulo e axuda do profesor Javier Méndez, e que se baseou nun experimento sobre microgravidade, para o que usaron placas de metacrilato, auga, aceite e deterxente quitagraxas.
O concurso en cuestión veu da man de YouTube, Lenovo e Space Adventures. A súa idea foi a de retar a mozas e mozos de todo o mundo, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, para o deseño de experiencias que se puideran desenvolver no Espazo. Os gañadores globais foron Amr Mohamed de Exipto, categoría 17-18 anos, e Dorothy Chen e Sara Ma de Estados Unidos, na de 14-16 años. Recibiron cadanseu premio nun acto celebrado na capital dos EE UU, onde fixeron acto de presenza colaboradores de Space Lab, incluíndo a NASA, a Axencia Espacial Europea e máis a Axencia de Exploración Espacial de Xapón. Os experimentos gañadores serán executados por astronautas a 400 quilómetros da Terra na Estación Espacial Internacional, ISS, e emitidos por YouTube dende un ordenador Lenovo ThinkPad nunha data por confirmar.
Volvendo ás nosas rapazas, das que podemos estar máis que orgullosos, dicir que se reuniron os días pasados cos gañadores globais e que recibiron, da man da organización do concurso, diferentes recoñecementos polo seu espírito innovador e alento creativo, como un voo sen gravidade, un computador Lenovo IdeaPad como agasallo e unha visita ao Museo Aeroespacial Udvar-Hazy en Dulles.

PUBLICIDADE