PS Plus despídese de PS3 e PS Vita

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Sony vén de facer pública a listaxe de xogos que PlayStation Plus incluirá no mes de febreiro, selección que é especialmente relevante porque será a derradeira que inclúa xogos de PlayStation 3 e PS Vita, de xeito que dentro dun mes mudará de xeito substancial a oferta de xogos que chegan aos subscritores de PS Plus cada mes. Aproveitaron a ocasión para indicar que o almacenamento na nube de PS Plus vai ampliarse en febreiro de 10 GB a 100 GB, garantindo así espazo dabondo para gardar as partidas de PS4.

Os xogos que chegarán a partires do 5 de febreiro a PS4 serán For Honor, xogo de combates de grande realismo que enfronta a cabaleiros, viquingos e samurais, e que curiosamente formou parte dos Xogos con Gold de Xbox One o pasado verán; Hitman: The Complete First Season, que permite introducirnos nas novas aventuras do Axente 47; e o innovador Rolling Bob.

Para PlayStation 3 a despedida é por todo o alto, con Metal Gear Solid 4: Guns of the Patriots, todo un clásico que achegou unha visión crepuscular da traxectoria de Solid Snake, no que semellaba ser o punto e final da súa saga; completando a oferta Divekick, ridículo título de loita que tamén poderá xogarse en PS Vita.
Os xogos cos que PS Plus se despida da PS Vita funcionarán tamén en PS4, e son Gunhouse e Rogue Aces; grandes descoñecidos que confirmarían que o abandono da consola portátil de Sony é case forzoso, xa que leva moito tempo deixada de lado por desenvolvedores e público.

PUBLICIDADE