Ourense prepárase para unha nova edición da festa informática Technium

venres, 13 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Tras un par de edicións cun importante número de participantes, a Technium LAN Party prepárase para a súa celebración este ano, que será entre os días 9 e 12 de abril no Polideportivo do Campus Universitario de Ourense, de xeito que xa está aberta a inscrición ao evento que custará 15 euros e limita o seu aforo a 340 prazas.
O encontro busca converterse nunha das LAN Party de referencia a nivel estatal, cun grande número de actividades programadas durante os seus catro días entre as que destacan as competicións de videoxogos, que incluirán premios substanciais que resulten rechamantes e consigan así elevar o nivel competitivo. Para os que queden eliminados nos xogos ou non queren participar nunha longa competición tamén celebraranse torneos ocasionais tanto de videoxogos como de xogos de mesa, pasando por outras actividades como concursos de lanzamento de CD (algo case tradicional neste tipo de concentracións de seareiros da informática).
Esta LAN Party está organizada pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática (ASEII) en colaboración coa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, e tras a desaparición de Xuventude Galicia Net aspira a converterse nunha cita obrigada para os amantes deste tipo de encontros na comunidade galega.
Polo momento xa están confirmados os torneos dos xogos League of Legends, Counter Strike: Global Offensive, Smash Bros., UltraStar, FIFA 15 e Call of Duty: Advanced Warfare; terá un expositor no que poder probar o sistema de realidade virtual Oculus Rift e incluso poderase particpiar nun obradoiro de Hama Beads.
Como é habitual neste tipo de encontros, os participantes deberán acudir co seu propio equipo informático, regreta de enchufes, produtos de hixiene persoal (disporase de duchas), equipamento para durmir (como saco e esteira), cartos (por se xorden imprevistos), identificación e auriculares (non está permitido o uso de altofalantes durante o encontro).


Reportaxe en vídeo sobre a edición do ano pasado

PUBLICIDADE