Os xogos musicais adáptanse para o público cristián

mércores, 27 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Un dos xéneros de videoxogos de máis éxito na actualidade son os xogos musicais (que xa ocupan o 19% do mercado) aínda que non é unha sorpresa que certos pais consideran que a música rock non é a máis axeitada para os seus fillos (por alusións á violencia, o sexo ou mesmo ao satanismo nas súas letras) de aí que nos EE.UU. lancen o xogo Guitar Praise: Solid Rock que vén a ser algo así coma un Guitar Hero de rock cristián compatible con ordenadores PC e Mac e que se vende cunha guitarra USB a 99,95 dólares (pódese adquirir unha guitarra adicional por 69,95 dólares).
O xogo inclúe 52 temas musicais de grupos de rock cristián coma Skillet, Spoken, Thousand Foot Krutch ou Whitecross (con 4 niveis de dificultade por canción) e unha guitarra USB sen fíos (podendo funcionar 2 á vez no xogo). Xa se pode encargar este curioso xogo, que comezará a servirse a mediados do mes de setembro, aínda que este non sería o único produto que sae deste tipo, senón que dende outubro de 2005 xa venden alfombras de baile coa mesma temática. Estamos a falar de Dance Praise, que vén de lanzar unha nova versión, Dance Praise2 – the ReMix, con 52 novas cancións, novas características e gráficos tridimensionais, animando aos cristiáns a bailar fronte ao seu ordenador (soportando tamén tanto PC coma Mac). Este xogo se vende coa alfombra de baile por 49,95 dólares (29,95 dólares o xogo solto contando tamén con toda unha serie de ampliacións por 24,95 dólares cada unha, que inclúen 35 temas a engadir ao xogo).

PUBLICIDADE