Os xogos móbiles para Android e Firefox OS contarán clasificación PEGI

mércores, 18 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Para facilitar a compra informada de videoxogos dende hai anos en Europa contamos co código PEGI, que por unha banda clasifica os títulos en función de rangos de idade (3, 7, 12, 16 e 18 anos) e engade uns logotipos descritivos para destacar se un xogo contén linguaxe groseira, discriminación, drogas, medo, apostas, sexo, violencia ou modos en liña, información que resulta de grande interese para que os adultos poidan decidir se un título e apto para os seus cativos, práctica que finalmente vai espallarse a xogos móbiles. Polo momento tanto Google Play coma o Firefox Marketplace xa confirmaron a adopción do código PEGI, o que terá un importante impacto, xa que supón que a meirande parte dos xogos para Android poidan gozar da clasificación por ideades estándar en Europa.
Amais, Microsoft, Nintendo e Sony xa confirmaron o seu interese en que as súas tendas dixitais adopten os códigos PEGI no futuro, mentres que Apple aínda non se manifestou ao respecto, dando a impresión de que polo momento a App Store será a única grande plataforma de venda dixital de videoxogos que non adoptará o código PEGI.

PUBLICIDADE