Os xogos de cartas coleccionables poderían rexurdir grazas a un novo título para PS3

luns, 2 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Wizards of the Coast revolucionou o lecer nos anos 90 cas cartas de Magic, que permitían un xeito diferente tanto de xogar coas cartas como de coleccionalas, e que acadaron un éxito impresionante que agora se pode reeditar co innovador xogo The Eye of Judgment que chegará para a consola PS3.
O novo xogo fará uso da cámara USB que se poderá conectar á PS3, a PlayStation Eye, que irá moito máis aló da clásica EyeToy, e que permitirá, entre outras cousas, recoñecer un código que aparece nunhas cartas físicas de xeito que lles dá vida na pantalla da PS3 cunhas animacións xeniais.


Trailer do xogo

Con The Eye of Judgment combinarase un xogo de cartas coleccionables cunha xogo de consola, que permite xogar contra a PS3, xogar contra outras persoas no mundo físico, xogar contra outros usuarios en liña e mesmo un enfrontamento entre consolas (empregando o mazo de cartas do xogador).
Fieis ó espírito dos xogos de Magic, este novo xogo comezará cun mazo de iniciación e se poderán adquirir novas cartas en puntos de distribución (ou intercambiándoas cos amigos).
No E3 deste mes presentarase o xogo (que chegará ás tendas no outono) e pretende facerse coa atención de moito público, especialmente dos que xa se achegaron a este tipo de divertimentos no pasado.

PUBLICIDADE