Os xogos de Pokémon saltarán á Nintendo 3DS en outubro

martes, 8 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Para comezar o ano Nintendo estreou un dos seus vídeos de presentación esta mañá, que en vez de responder ao nome de Nintendo Direct como é habitual, tiña un título moi descritivo: Pokémon Direct. Estaba claro que o presidente de Nintendo, Satoro Iwata, ía facer algún anuncio sobre a saga Pokémon, e non decepcionou, pois tras facer un completo repaso da historia da franquía, destacando que dende a primeira Game Boy os xogos desta franquía saen a pares para fomentar a competición entre usuarios, chegou o momento de desvelar o que promete ser un dos grandes lanzamentos do ano: o salto á Nintendo 3DS con Pokémon X e Pokémon Y, xogos nos que veremos por primeira vez aos Pokémon Chespin, Fennekin e Froakie.
A grande novidade non será só que teremos xogo 3D de Pokémon, senón que chegará en outubro con estrea simultánea en EE.UU., Europa e Australia, evitándose os meses de espera entre os lanzamentos de cada localización como viña sendo habitual, pois dende Nintendo aprenderon da experiencia de entregas anteriores para ser capaces de adaptar o xogo aos distintos mercados dun xeito áxil que facilitará este lanzamento case global.
Lembremos que a última entrega de Pokémon, pese a funcionar na 3DS, era compatible coas vellas Nintendo DS e DSi, pero con este novo título forzarase a actualizarse á última portátil de Nintendo, o que podería supor un importante pulo para a que podería ser a única consola portátil que gozará de boa saúde no mercado, grazas principalmente aos xogos desenvolvidos pola propia Nintendo.


Satoru Iwata presentando a nova entrega de Pokémon para 3DS

Os novos xogos incluirán 3 criaturas inéditas

PUBLICIDADE