Os xogos de PSPgo custarán o mesmo que os de PSP

mércores, 23 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Aínda que parece lóxico pensar que os videoxogos descargables teñan que ser por forza máis baratos que as súas edicións en soportes físicos, a práctica achéganos exemplos nos que algúns títulos rebaixan o seu prezo considerablemente nas tendas mentres que a súa edición electrónica mantén un prezo elevado, pero o que si sorprende é a última xogada de Sony, que segundo declaracións de Eric Lempel, vai facer que os xogos para PSPgo (dispoñibles só en descarga) teñan o mesmo prezo que as súas versións físicas para PSP.
A paridade de prezos é bastante sorprendente nun momento inicial, pois era de agardar que o feito de que a versión en descarga dun xogo (que non conta con disco, caixa, libreto e distribución física) levase consigo unha rebaixa substancial. Amais, a PSPgo tamén véndese a un prezo moi superior ao da PSP ordinaria, polo que esta política comercial, sumada ao boicot que promoven á nova consola dende distintos establecementos comerciais (que séntense ameazados polas tendas de descargas virtuais), podería facer que o inicio desta consola portátil sexa decepcionante.

PUBLICIDADE