Os xogos de Little Smart Planet, dispoñíbeis para os clientes de Vodafone

luns, 25 de xaneiro do 2016 Redacción

Vodafone España vén de facer pública unha novidade relativa á súa aposta a prol da educación dixital. Trátase do seu acordo con Little Smart Planet, unha alianza que vai permitir aos clientes da operadora tirar partido dos xogos educativos desta prestixiosa firma de lecer dixital para nenas e nenos, e todo a través de subscrición e por medio da factura de Vodafone. Segundo sinala a compañía de telecomunicacións, coa incorporación dos xogos de Little Smart Planet adhírese ao cartafol de servizos de Vodafone “un novo concepto de lecer dixital moi orientado á aprendizaxe e á comunicación dos cativos”. De feito, sinala, aínda que semellen xogos, son deberes.
Little Smart Planet, explica a operadora, é un sistema de gamificación baseado en xogos educativos curriculares, certificado por pedagogos e acaido para os niveis curriculares de Primaria e de Secundaria. A través dunha plataforma de seguimento individualizado, os pais e educadores poden facer seguimento en tempo real do progreso dos nenos. O alicerce pedagóxico do que parten ten un dobre obxectivo: por unha banda fortalecer os contidos académicos e, pola outra, desenvolver habilidades cognitivas como por exemplo exercitar a memoria, razoar, comprender ou acadar información concreta.
Os máis de medio cento (54) de xogos de Little Smart Planet van dirixidos a nenos de primaria de 6 a 11 anos con contidos de matemáticas (18 xogos), lingua española (18 xogos) e inglés (18 xogos). Nas vindeiras semanas, Little Smart Planet lanzará Quest Hero que son xogos da ESO e que tamén estarán dispoñíbeis en Vodafone. A alta no servizo pode facerse a través da web littlesmartplanet.com/vodafone. Esta páxina, sinala a operadora, é accesíbel tanto desde o PC como desde calquera dispositivo móbil (smartphone ou tableta), xa sexa en conexión móbil ou Wi-Fi. A aplicación de xogos Little Smart Planet está ao alcance da man dos usuarios para as plataformas Android, iOS e Windows Phone. A descarga é de balde e a subscrición ten un custo de 3,99 euros ao mes que irán con cargo á factura Vodafone.

PUBLICIDADE