Os xogos de Angry Birds actualízanse

martes, 8 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Os novos niveis do Angry Birds orixinal están ambientados no Oeste

A xente de Rovio parece querer deixar claro que, aínda que estea a preparar o xogo Angry Birds Rio, iso non quere dicir que deixen abandonadas as súas anteriores entregas dos seus paxaros anoxados, polo que actualizou case simultaneamente ambos títulos con novos niveis.
Deste xeito, o Angry Birds orixinal estreou 30 novos niveis nun episodio titulado Ham’Em High, aos que seguirán 15 niveis adicionais en breve, e que sitúa a acción no Oeste americano; á vez tamén integraron no xogo un nivel oculto que pode desbloquearse seguindo unha pista agochada nun anuncio da Super Bowl da pasada fin de semana (no que pode verse que o nivel oculto está na fase 13-12).

Seguir aos Angry Birds en Facebook prémiase co desbloqueo de 3 novos niveis do seu segundo xogo

Pola súa banda, o Angry Birds Seasons tivo unha actualización xa anunciada, correspondente a 15 novos niveis agrupados no capítulo Hogs & Kisses co gallo do Día de San Valentín, aos que acompañaron un par de novidades rechamantes coma o feito de permitir enviar felicitacións de San Valentín dos Angry Birds a través do xogo, desbloquear 3 niveis adicionais de seguirmos a páxina oficial de Angry Birds en Facebook e facilitar a localización de 3 ovos de Pascua do xogo a través do buscador Bing. Interesantes estratexias de marketing das que é de agardar que saian imitadores nos vindeiros meses.
Para rematar a xogada, continúan as novas do salto desta franquía a novas plataformas (actualmente está presente en Android, iOS e PlayStation Network, estando en preparación a súa conversión a Xbox LIVE Arcade e WiiWare), de xeito que dende Rovio Mobile confirmaron que Angry Birds, Angry Birds Seasons e Angry Birds Rio tamén estarán dispoñibles para a nova consola portátil Nintendo 3DS (coma descarga dixital a través de 3DSWare), que sairá á venda o día 25 do mes que vén.

O Angry Birds Seasons actualízase co gallo do San Valentín

PUBLICIDADE