Os xogadores de Counter-Strike dende Mac non chegaban ao 1%

martes, 10 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O Counter-Strike: Global Offensive leva 11 anos dando guerra en ordenadores e consolas, e dende Valve quixeron actualizar a experiencia de xogo anunciando a actualización a Counter-Strike 2, que o pasado 27 de setembro saíu oficialmente, pero deixando a xente polo camiño, xa que a nova versión do xogo precisa para funcionar como mínimo un equipo con Windows 10 de 64 bits e hardware compatible con DirectX 11 ou StreamOS/Linux.
Temos así que os usuarios con equipos con versións de Windows de 32 bits ou que funcionen con DirectX 9 non poderán gozar do xogo actualizado, algo que non sorprenderá a moitos xa que se trata de equipos moi vello; pero a sorpresa para máis de un é que macOS queda fóra de Counter-Strike 2. Os usuarios que quedan fóra do xogo renovado poderán continuar a utilizar a anterior versión até o remate do ano (perderá o soporte o 1 de xaneiro de 2024), ofrecendo Valve reintegros económicos para os usuarios afectados en certas condicións.
Aínda que a conta de mercado dos Mac pode parecer relativamente boa, cando apuntamos parque de equipos destinados aos videoxogos a cousa muda bastante, e aseguran que actualmente o número de usuarios da vella versión de Counter-Strike que non poden dar o salto á nova versión é inferior ao 1%, de aí que non pagase a pena facer todo un desenvolvemento completo para eles (especialmente no caso de macOS).

PUBLICIDADE