Os videoxogos retro cítanse en Sada o 7 de setembro

venres, 14 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O responsable de Retro Ordenadores Orty xunto a un dos organizadores de RetroCoruña, Sergio Modia nunha fotografía de Puppet Master

A feira galega de informática clásica e videoxogos RetroCoruña concretou esta semana a data da celebración da súa quinta edición, que terá lugar no Pavillón Municipal de Deportes de Sada o 7 de setembro de 11:00 a 21:00 horas, permitindo que os afeccionados aos ordenadores de 8 bits, ás consolas de videoxogos clásicas e á cultura que rodea a todo este ámbito poidan xuntarse neste encontro de balde que está aberto á participación de expositores que poden acudir só para amosar os seus equipos ou combinar no seu espazo exposición e venda.
Poderán ter presenza no evento grupos, asociacións ou particulares que soliciten a súa inscrición antes do 1 de setembro, estando xa confirmada a participación de Retro Ordenadores Orty (Madrid/Sada), Puppet Master (Madrid), JoJo (A Coruña), Web8Bits (Vigo), Hipsilon NES (A Coruña), Comunidad Ociorum (A Coruña), AUIC (Madrid/Galicia), FloppyDerno (País Vasco) e Tender Pixel Art (País Vasco).
Á vez que o RetroCoruña de 2012 quixo celebrar o 30º aniversario do ZX Spectrum, a este ano tócalle conmemorar os 30 anos do estándar MSX, que converteuse nun sistema con grande presenza nos fogares e que destacaba por estar fabricado por Sony, Philips, Daewoo, Canon... mentres que os seus competidores estaban principalmente fabricados por unha única compañía.

PUBLICIDADE