Os videoxogos convértense no agasallo máis solicitado este Nadal

xoves, 18 de decembro do 2008 Raquel Noya

Electronic Arts, a multinacional especializada en software de entretemento interactivo, vén de presentar un estudo, realizado en colaboración con TNS Demoscopia, sobre os hábitos de compra para este Nadal no que revela que “os videoxogos son a opción favorita como agasallo do 37,5 por cento dos enquisados”.
O informe tamén indica que a pesares da situación actual da economía, un 58 por cento da poboación do país (máis da metade) “ten a intención de gastar en agasallos igual ou máis que o ano pasado”.
Posto que a metade dos españois de entre 7 e 24 anos (di o estudo) “xogan a videoxogos”, estes van a ser os presentes máis repetidos nas cartas aos Reis Magos e a Papá Noel, que traerán os seus sacos rebordantes de xogos para as Wii, as Playstation, as Xbox ou as PSP, entre outras, dos cativos e non tan cativos (lembremos cara onde van dirixidos os tiros da última campaña publicitaria da Nintendo DS) que se portaron ben durante todo o ano.
Ao sector dos videoxogos semellan irlle ben as cousas e, a pesares da crise, é un dos poucos afortunados que medrou (ata un 10 por cento) no que levamos de ano.
Segundo o estudo GFK Marketing Services de novembro do 2008, este sector, asemade, “prevé rematar o ano cun crecemento similar”, e non é cousa de estrañar xa que se lle facemos caso aos datos, a preto dun 60 por cento dos enquisados “gústalles xogar aos videoxogos en familia” e un 72 por cento consideran aos mesmos “como unha boa alternativa de lecer fronte á crise”.
O 51,7 por cento das persoas que regalarán videoxogos estas Festas consideran que o farán “porque poden gozarse con amigos”, mentres que un 32,3 por cento decantarase por esta opción porque son “interactivos, formativos e educativos”.
Entre as persoas que van optar por regalar un videoxogo este Nadal, o 28 por cento decantarase por un título de deportes, o 22 por cento por acción-aventura, o 16 por cento por condución e o 16 por cento farao por un de temática social.

PUBLICIDADE