Os usuarios poderán axudar a elixir os xogos que se incorporarán a PlayStation Plus

luns, 3 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses temos comentado en numerosas ocasións que mentres os xogos que Microsoft aos seus subscritores de pagamento de Xbox LIVE manteñen un bo nivel, os subscritores de PlayStation Plus atopan habitualmente unha chea de títulos independentes e de dubidoso interese para o público xeral, moi lonxe do que ofrecían hai un par de anos, o que valeulle a Sony non poucas críticas, situación que parecen querer arranxar cunha operación de relacións públicas que consistiría en permitir que os usuarios poidan votar polos xogos que queren ter dispoñibles a través do servizo.
Esta nova funcionalidade de PlayStation Plus permitirá que os usuarios voten polos xogos que poderían incorporarse ao catálogo de xogos instantáneos dos meses vindeiros, asegurando Sony que incluirá o xogo máis votado de xeito automático nunha futura actualización de PS Plus, mentres que o resto de finalistas gozarían de descontos para os membros de PS Plus.
Cómpre salientar que non estamos ante unha función mensual, polo que os usuarios só poderán elixir un dos xogos incluídos en PlayStation Plus a intervalos de tempo sen detallar, o que dá a entender que estamos simplemente ante unha capa de maquillaxe que pretende agochar baixo a liberdade de elección a caída da calidade dos xogos ofrecidos ultimamente.

PUBLICIDADE