Os usuarios de software libre celebran este venres na Coruña a publicación de KDE SC 4.10

mércores, 27 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Tal e como informamos recentemente, a comunidade galega de usuarios de software libre (cada vez máis ampla) estivo os días pasados de celebración pola posibilidade, real xa, de botar man da versión 4.10 de KDE SC na nosa lingua. Este traballo o este logro, posíbel grazas ao colectivo Trasno, vai ser festexado literalmente esta semana, máis polo miúdo o venres 1 de marzo, polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux. A cita será na Coruña, en dous escenarios complementarios: primeiramente a Facultade de Informática e logo a Raxería As Neves, na Ronda de Outeiro, onde haberá unha cea de celebración. O evento terá feitura de release party de KDE.
O encontro, como dixemos, incluirá as seguintes actividades:
· Lightning talks, 19:00 na Aula 2.2a da Facultade de Informática da Coruña.
As lightning talks consistirán nunha serie de relatorios curtos (entre 5 e 10 minutos aproximadamente), relacionados con KDE, nun ambiente informal e distendido.
· Cea de celebración, 22:30 na Raxería as Neves, Ronda de Outeiro 300.
O precio aproximado da cea será de 8€ por persoa.
Como lembraremos, a contorna de programas KDE é unha escolma de ferramentas de ambiente de uso diario creada por unha comunidade de software libre internacional do mesmo nome. Trátase dun recurso xeral que nos ofrece tódalas aplicacións que precisamos para aproveitar e optimizar ao máximo un sistema operativo de calquera índole. A versión 4.10 inclúe, entre outras moitas cousas, unha serie de melloras importantes sobre o espazo de traballo Plasma, que mellora con respecto a anteriores entregas a interacción con dispositivos móbiles e que foi obxecto de importantes optimizacións no deseño gráfico e visual, ao tempo que tamén se impulsou a empregabilidade e máis o rendemento.

PUBLICIDADE