Os usuarios de móbiles só terán que agardar 4 días para cambiar de compañía

xoves, 26 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A portabilidade de numeración telefónica nos móbiles é unha práctica cada día máis habitual (xa exercida por máis de 9,2 millóns de usuarios), e que a empregan normalmente as operadoras para captar clientes doutras compañías (co atractivo de que o usuario conserva o seu número de teléfono), e que na actualidade leva de entre 10 a 15 días, pero que cunha nova normativa que prepara a Comisión do Mercado das Telecomunicacións se reducirá a 4 días.
O acurtamento de prazos non será a única medida incluída nesta normativa, senón que tamén pretenden eliminar como causa de denegación da portabilidade a morosidade do cliente (aínda que as operadoras se opoñen a este punto, xa que temen que os usuarios morosos empreguen estes mecanismos para evitar saldar as súas débedas).
A nova normativa tamén é precisa pola entrada dos Operadores Móbiles Virtuais no mercado, que tamén se poderán acoller á portabilidade numérica, e na actualidade é máis normal a portabilidade que as novas altas, xa que o mercado español está saturado, e practicamente non existen novos clientes, senón que son os clientes os que cambian de compañía.
A CMT incluso está a estudar a posibilidade de crear unha entidade independente de referencia para tramitar as portabilidades e centralice así toda a información, evitando que teñan que ser as operadoras as que xestionen as solicitudes (como acontece xa coa telefonía fixa) o que serve tanto para axilizar os trámites como para evitar conflitos (pois as operadoras tenden a pór atrancos á fuxida de clientes).

PUBLICIDADE