Os usuarios de Twitter Blue poden publicar vídeos de até 2 horas de duración

xoves, 18 de maio do 2023 Marcus Fernández

A primeiros de mes dende Twitter deixaron claro que querían deixar atrás os erros cometidos en abril coa xestión das marcas de verificación de contas e mudar a súa estratexia para apostar seriamente polo vídeo, xa que retén máis tempo aos usuarios na plataforma, polo que resulta atractivo para os anunciantes, pero este propósito chocaba con numerosas limitacións, que agora están a relaxarse, xa que a partir de agora os subscritores de Twitter Blue poden subir vídeos de até 2 horas de duración, aínda que o cambio máis importante realmente é que os vídeos pasan de poder ter un tamaño de até 2 GB a poder chegar até 8 GB, polo que os contidos poden ter moita máis calidade, o que fará que os creadores de contido poidan pensar en Twitter á hora de achegar as súas obras ao público (podendo incluso cobrar subscricións a contidos exclusivos).
Polo momento a carga de vídeos Full HD de até 2 horas de duración e 8 GB de tamaño limítase á versión web de Twitter e á aplicación para iOS, mentres que en Android a limitación de duración mantense polo momento en 10 minutos. Pola contra, os usuarios que non estean subscritos a Twitter Blue non poderán subir vídeos de máis de 2 minutos e 20 segundos de duración.
Nos últimos días xa houbo creadores que puideron probar a nova capacidade de Twitter, e The All-In Podcast puido publicar o seu episodio 128 enteiro (cunha duración de 1 horas e 19 minutos) servindo como exemplo do potencial que teñen os vídeos de longa duración, que basicamente permiten que Twitter poida competir con YouTube e incluso con Patreon (no caso de creadores de contidos que queiran reservar os seus mellores vídeos para subscritores de pagamento).

PUBLICIDADE