Twitter tenta esquecer o mes de abril e quere apostar polo vídeo

mércores, 3 de maio do 2023 Marcus Fernández

Tras unhas semanas de polémicas en Twitter por mor da etiquetaxe de medios públicos como propaganda e do cambio de criterio para amosar o selo de verificado nas contas, Musk non parece querer deixar de facer ruído, e agora ameaza a NPR con darlle a súa conta de Twitter a outra compañía se non retoman a súa actividade na plataforma.
Lembremos que a rede de canles públicas estadounidense NPR suspendeu as súas publicacións en Twitter despois de que a plataforma etiquetase as súas contas como propaganda gobernamental, chegando incluso Musk a insultalos directamente dende a súa conta persoal e tentar promover un boicot na súa contra (sen éxito).
Cómpre salientar que Twitter xa eliminou a polémica etiqueta que calumniaba a NPR, pero dende o ente aseguraron no seu momento que volver a Twitter debería ser algo que terían que analizar seriamente, xa que a arbitrariedade coa que está a funcionar a plataforma fai que non confíen en destinar recursos á mesma.
Dende NPR lembran que os termos de uso de Twitter indican que unha conta inactiva é na que o usuario non se identifica cando menos cada 30 días, ou sexa, que non supón ningunha obriga de publicación de contidos (de feito, hai unha grande masa de usuarios que apenas chías, xa que usan a plataforma para informarse), polo que Musk non podería tomar represalias contra NPR sen mudar a definición de inactividade para as súas contas, e aplicala a todos os usuarios, o que sería un auténtico drama, xa que suporía o borrado de millóns de contas.

Aposta polo vídeo

Pero os comentarios de Elon Musk sobre NPR non son os únicos que deron que falar nas últimas horas, senón que tamén explicou que agora un dos criterios para mellorar a visibilidade dun chío é o tempo que os usuarios pasan mirándoo, ou sexa, que un vídeo tería máis visibilidade que unha ligazón a unha páxina externa polo mero feito de que leva máis tempo ver un vídeo que premer nunha ligazón.
Curiosamente tras incitar á publicación de vídeo en Twitter Musk tivo que pedir desculpas sobre o mal funcionamento da subida de vídeo en Twitter, recomendando que os vídeos de máis de 10 minutos se suban a unha resolución de 480p, asegurando que sería dabondo para usuarios de móbiles e ordenadores portátiles, criterio non compartido pola meirande parte de creadores de contido e incluso con anteriores comentarios de Musk, que como un dos incentivos para pagar por Twitter Blue ten a posibilidade de subir vídeos a 1080p en vez de ao límite de 720p para o resto de usuarios.
O problema do vídeo en Twitter é bastante serio, pois está provocado por carencias nos seus servidores, e ao non telos escalado, atopamos a absurda situación de que os usuarios ordinarios podes subir vídeos de até 140 segundos a 720p cun tamaño máximo de 512 MB, mentres que os subscritores de Twitter Blue poden subir vídeos de até 60 minutos a 1080p cun tamaño máximo de 2 GB, cando proporcionalmente serían precisos uns 28 GB.
Na mesma liña paradoxal Elon Musk sorprendeu facendo unha retransmisión de vídeo en directo a través de Twitter, ou sexa, facendo uso da tecnoloxía que antes coñeciamos como Periscope, e que a compañía decidira abandonar porque tiña pouco uso e supuña un gasto excesivo. O vídeo tiña moi pouca calidade, deixando claro que Twitter non está á altura da competencia, polo que non ten moito sentido que a plataforma dirixa esforzos a un campo de batalla do que saíu derrotada no pasado, e que require de grandes investimentos.

A marca azul recupera a ambigüidade

Cando Twitter eliminou o selo de verificación a todas as contas verificadas que non pagaban por Twitter Blue comprobaron que dende as contas máis importantes non estaban dispostas a pagar por lucir unha marca en Twitter, o que quixeron solucionar restaurando a marca azul ás contas verificadas que tiñas un volume grande de seareiros (coméntase que serían as que superan o millón de seguidores).
Pero todo este procedemento realizouse claramente sen a debida asesoría legal, pois ás contas ás que se lle devolvía a marca azul sen pagar acompañábaas unha lenda indicando que estaban subscritas a Twitter Blue e tiñan un número de teléfono verificado, o que claramente era mentira e suporía unha práctica de publicidade enganosa penada nos EE.UU., de aí que, sen anuncio de ningún tipo, as marcas azuis de Twitter recuperan a confusión de antes do mes de abril, e agora simplemente descríbese como de contas verificadas, sen detallar se son contas verificadas herdadas con moitos seareiros ou de subscritores de Twitter Blue, o que fai que a utilidade da marca azul sexa moi discutible, pero cando menos agora non se engana aos usuarios dando a entender que as celebridades pagan por un servizo que non contrataron.

PUBLICIDADE