Os últimos Assassin’s Creed recompilaranse o mes que vén nun pack

martes, 9 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Este Nadal a franquía de Assassin’s Creed vai dar un importante salto adiante con Assassin’s Creed Unity, pero para despedir axeitadamente o ciclo anterior Ubisoft decidiu preparar a chegada de Assassin’s Creed Rogue (título para as consolas de anterior xeración que rematará a saga americana) cun lote de xogos para Xbox 360, PlayStation 3 e PC que facilite completar a historia dos Assassin ao outro lado do Atlántico.
O 28 de outubro porase á venda Assassin’s Creed: The Americas Collection, incluíndo os xogos Assassin’s Creed III, Assassin’s Creed IV Black Flag e Assassin’s Creed Liberation HD, de xeito que os xogadores que queiran apuntarse a esta franquía e aínda non desen o salto á nova xeración de consolas teñen aquí unha excelente oportunidade para facerse coa última trama completa de Assassin’s Creed, que pese a ter unha recepción moito peor que as historias europeas, descubriu unhas mecánicas de xogo que conseguiron callar entre o público (as batallas navais) e que dificilmente poderemos recuperar dentro desta franquía (xa que Unity ambiéntase na Revolución Francesa).

PUBLICIDADE