Os televisores de Sony virán equipados para reproducir vídeos da Internet

mércores, 10 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se lle facemos caso a Bill Gates en Las Vegas, televisión, computador, cámara dixital e teléfono móbil (entre outros aparellos que agora non nos veñen ós miolos) serán (ou deberían ser) no futuro unha mesma cousa. Todo o que se faga polo tanto a prol da compatibilidade, da linguaxe tecnolóxica común, de ceibarnos por fin das enleadas de fíos de enchufes no fogar, benvido sexa.
Isto vén a conto porque os novos televisores de Sony, incluídas as pantallas de alta definición, semellan vir por este vieiro: poderán reproducir vídeos da Rede. A estratexia, que podería formar parte dun pormenorizado proceso de lavado de imaxe logo de certas catastróficas desgrazas, vén de ser anunciada no dito salón CES e é unha medida tomada para vincular a Rede con tódolos aparellos tecnolóxicos que temos ó noso arredor.
Así, os televisores da multinacional virán equipados cun equipo anexo que manterá unha conexión directa entre a Rede de banda ancha de alta definición e a pantalla do televisor. Deste xeito, será posible ver contidos de vídeo en liña e os programas de balde das grandes empresas do lecer audiovisual.

PUBLICIDADE