Os sistemas de calidade no eido do software, a debate nun novo encontro de INEO

martes, 31 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

INEO, asociación de empresas galegas vinculadas á tecnoloxía, vén de organizar un encontro dirixido a achegar luz no sector TIC galego sobre unha cuestión non sempre clara abonda: os sistemas de calidade e a súa implantación. A xornada desenvolveuse este luns 30 de xullo, e case toda ela foi encamiñada a avaliar polo miúdo as dificultades e oportunidades que o afianzamento dos ditos sistemas lle pode presentar ás iniciativas galegas do eido das novas tecnoloxías. Entre as primeiras (as dificultades), INEO fixo mención das seguintes: o incremento na carga de traballo e a resistencia ó cambio. Polo que respecta ás vantaxes, informouse ós representantes das 17 empresas participantes na xornada dos seguintes puntos: máis eficacia de todos os grupos de traballo, redución de tempos e aumento da produtividade e de cota de mercado a medio prazo.
No encontro interviron o presidente da dita asociación, Jorge Cebreiros e representantes das empresas Lambda e Ayco (apostando ámbalas dúas claramente pola calidade como factor de diferenciación de mercado e estratexia de futuro). Cómpre sinalar que este encontro enmarcouse dentro do proxecto de implantación da norma ISO 12.307 de calidade en software, “estratéxica para o sector TIC galego de deseño de programas”, comentou INEO. Esta implantación está financiada polo propio sector e polo Ministerio de Industria, chegando o orzamento a 187.755 euros. Neste proxecto inicial están a participar dez empresas da dita asociación galega, que representan o 16% do total de compañías que concorren na iniciativa a nivel estatal.
Proxecto de implantación da ISO 9001
INEO, na súa liña de achegar apoio ás empresas para que afiancen a súa competitividade no mercado global, vén de presentar un proxecto de implantación da ISO 9001, específica para deseñadores de software, e para a CMMI (norma internacional que recoñece a unha firma no mundo para producir programas informáticos). Hoxe, sinala a asociación galega, hai a nivel español menos de 30 certificacións CMMI e en Galiza menos de catro. Esta iniciativa na que participa INEO a nivel estatal ten un investimento previsto de 737.177 euros.

PUBLICIDADE